BREOGAN E OS XIGANTES DE FERRO  


Os seus ollos claros albiscaban o horizonte incrédulos. ¿Que é iso que enche os cumios dos montes e os cantís das costas?, fíreme a vista e magoa o meu corazón !xa non recoñezo a miña terra!. As súas paisaxes son agora declaradas como bens públicos e por mor diso érguense descaradamente xigantes por acó e acolá.

Disque os galegos/as de hoxe necesitades dun deus ó que chamades enerxía ¿estades seguros de que ese deus merece tantos sacrificios? por el contamináde-lo aire e a auga e aínda por riba tamén destruídes a beleza das paisaxes e o enorme patrimonio histórico que a nosa terra agocha.

Máis sei que aínda quedan entre vos moitas “xentes” coa alma enchoupada polo zume que xorde das raíces máis profundas do noso pobo, e por iso quero facervos chegar o que está a acontecer nun recuncho da Terra deTrasancos.

As xentes deste lugar vivían sen coñecer a súa historia,soamente os máis vellos lembraban de moi lonxe, lendas e contos que amosábanlles ser cousa de antes......

Xurdiu entón entre as néboas dos cumios un “vento novo” que fixo renacer o orgullo e a honra de pertencer a esa terra.

Escoitábase de cotío falar do castro, das mámoas, do coto do Esperón....Os vellos sentíase cheos de ledicia e dos labios dos meniños saian verbas que me facían soñar cun futuro no que poderían conxugarse perfectamente as innovacións tecnolóxicas coas tradicións e a cultura herdada dos nosos antergos.

¿Pero como avanzamos se destruímos o que hai que lembrar?.

O deus da enerxía quería que a terra de Sedes lle rendira culto e mandou construír xigantes de ferro a carón das mámoas e no monte sagrado do Esperón.

O vento novo asoballado polo poder do deus, xa non tiña folgos, nin recursos para loitar atopábase só e daba todo por ben feito, non quedaba nada daqueles proxectos que prometían mostrarlle ó pobo un pequeno retazo da nosa historia a traveso dun percorrido didáctico polas mámoas, non poderían voltar a recrear a “ noite da luz” e as tebras do tempo soterrarían de novo a memoria colectiva sobre a que necesariamente un pobo constrúe a súa identidade

Vexo con tristura como o vento novo se afunde na enorme espiral absorbente do deus, máis a loita aínda non está perdida e prego dende aquí as “xentes” da nosa terra para que nos axuden a acadar “un soño” que un día encheu de ledicia e orgullo os veciños/as da parroquia de Sedes.

            En Sedes a 4 de febreiro do 2001                                        Briga

voltar